Friday 10 de May de 2024

A compañía Pedras de Cartón trae a Neda a súa obra teatral en clave de comedia “O Quixote”


Incluída no ciclo Teatro en Familia, a función celebrarase o domingo e as entradas poden adquirirse a partir de mañá na Biblioteca Municipal

O ciclo cultural Teatro en Familia continuará este domingo coa obra “O Quixote” da compañía Pedras de Cartón. A función dará comezo ás 18:30 horas na Casa da Cultura, con entradas ó prezo de 1 euro para o público infantil -a partir de 5 anos- e de 2 euros para o adulto. Pódense adquirir na Biblioteca Municipal, a partir de mañá martes en horario de 9:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 h, e no caso de quedar prazas libres, dende dúas horas antes do inicio da sesión. Iso si, mércores, ó ser festivo, o centro cultural permanecerá pechado.

O espectáculo, o segundo da compañía, vén de recibir o Premio Certame Barroco Infantil no Festival Internacional de Teatro Clásico 2021. Desta volta afrontan o texto de Cervantes, un dos máis coñecidos da literatura española, en clave de comedia.

Cunha estética inspirada no pallaso clásico (moi ao estilo Fellini) e en clave de clown, afrontan as escenas máis icónicas da novela, da relación antagónica entre Quixote e o seu escudeiro Sancho.

O ciclo, organizado polo Concello, conta co apoio da Xunta e da Deputación, así como do programa Ler Conta Moito.